Pode parecer o nome dun soño, ou un topónimo, mais Embernallúas é o nome dunha muller que se multiplica e nada entre o Navia e o Elba. Se simplifico, diría que é erotismo e canibalismo. Se afino, diría que é líquida, lubricada, fluída, anfibia devora, derrétese. Os suxeitos humanos transfórmanse en elementos: respírasme, exhalámonos. E todo vai indo amodiño, engorde, todo é parte dun todo. Pasan os anos e van mudando os rexistros numéricos do Madoz; a aldea mingua, minguan as almas e mingua a veciñanza e baléirase. E como pano de fondo deste baleirar atopamos o desexo caníbal do outro. Con braveza e cunha linguaxe fera, Eva multiplícase e derrétenos. Patricia Buxán