Quizabes sexa a terra a metáfora que mellor encarna moitos dos aspectos, da simboloxía, e das aparencias da poesía última de Manuel López Rodríguez, incluída esta fenda que ROMPE na solidez magmática das rochas. O telúrico, porén, baila unha danza sorprendente e inhabitual con imaxinaría, temas (e teimas) da ficción científica, impoñendo un xogo de cambios e de perspectivas no lector que fai pensar no Verfremdungseffekt de Bertolt Brecht e nos espellos do Calexón do Gato de Valle. Característica presente nestas páxinas é a orixinalidade absoluta do autor. Aínda que estamos acostumados a pensar nisto como un recurso totalmente indispensábel, pois agardamos de calquera poeta e das súas obras (e non só dos poetas), algo novo: unha nova voz ou un novo xeito de dicir e de manter a conversa cultural da humanidade; a orixinalidade de Manuel López Rodríguez é profundamente anticonvencional e dobradora dos esquemas aos que desde a crítica e a lectura estamos acostumados. [...]