Por veces convén adentrarse nun libro sen temor. Deixarse arrastrar polas palabras sen resistencia, da mesma maneira que se deixou ir verso dentro a man que as escribiu. Isto é algo que eu recomendaría facer de aquí en diante, nas páxinas sucesivas deste poemario que Teresa teceu coa complicidade das horas serenas: convén deixarse arrolar pola súa voz. Eu diría que esas horas nas que ela escribiu foron nocturnas, porque é un libro cheo de sombras, de silencios, de sons amortecidos pola lúa nacente, pero seguramente é pura invención, só unha sensación miña. Sexa como sexa, é unha sensación da que desfruto. O que si é seguro é que é un libro que nos retrata, que fala de quen le moito máis que de quen escribe. Porque nel podemos atopar as mesmas ansias, devezos, temores e luces que cada día nos saen ao camiño a cada unha de nós. Digo isto por varias razóns. [...]