Non venal é un libro de poemas no que as lectoras poden viaxar a través dos sentimentos afincados no subconsciente. Os poemas deléitanse no detalle, na descrición de instantes cotiás apenas perceptibles polo ollo alleo. A viaxe iníciase nun ambiente opresor, no sexo dominado, submiso, contraído polos límites, no que se percibe unha constante necesidade de liberación. Dá comezo, deste xeito, a abordaxe e análise da culpa, sentimento fortemente enraizado no acervo feminino, como un elemento esencial que dirixe o conxunto de emocións e condiciona os actos. A ocultación do propio corpo, a negación da naturalidade e a vergonza social son os elementos que se manifestan na relación sexual, entendida como unha interacción natural entre as persoas. Os personaxes descritos, vanse liberando a medida que se avanza no texto, para desembocar nunha sexualidade vivida como aproximación, empatía e recoñecemento, que atopa a súa máxima expresión no encontro físico.[...]