No mesmo instante de abrirdes o libro, à droite et à gauche, a porta de Tannhäuser, o cadrado negro de Malevich e, entremedias, unha cinta de Moebius. Isto é, unha superficie aberta, libre, sen bordes, sen exterior nin interior, onde a preponderancia e a posibilidade de pasaxe é continua. E onde o tempo flúe, discípulo borracho de Aion. Esta é a disposición do libro. Concorde con esta, unha determinada sintaxe e un fluxo de oracións-ríos para constatar que a fame segue. No fío desta enxeñosa disposición, historias onde o retorno das palabras se pon de novo en órbita ao xeito do que acontece no hoxe e no aquí, a nosoutros, á maneira dunha máquina de guerra. Así, por Non vivo sen vivir en min pasan todo tipo de partículas, cousas, fondos, datos, imaxes, soños, coios, flores, que de continuo son en conflito. Diremos tamén que escoitaredes, se ledes, que parte deste marabilloso libro está escrito no ritmo en que o pobo de Esmorgan canta para lle dar a benvida á PRIMAVERA, que, como a (...)