Non parece que sexa a penúltima estación do ano, se tomamos o ano como unha liña recta e non como un círculo planetario no que xiramos arredor do lume do sol. O outono sempre queda para o final, a máis deostada das estacións, o máis insípido do rolar dos días. Non así para as persoas novembras, saxitarias, libras, que atopan o seu encanto no percutir dos anos contra as tempas, un latexo máis. Novembro cobre as paredes sufocadas, di a autora, tratando de erguer do chan as follas que deitaron as árbores ao deshabitarse, os niños dos paxaros desafiuzados polo frío e xa á intemperie como marañas entre a maraña das pólas e esa tornasolada luz do día é para enchela de sensacións. Pura Tejelo agasállanos neste novo poemario demorado, de lume lento e coruscante das follas do liquidámbar, unha punzada no corazón que se chama pracidez. Non é este un poemario sobre o paso do tempo onde o outono é a medianía, nin de amor ou nostalxia polos líquidos (...)