Sonetos. En aparencia unha sinxela arquitectura a base de hendecasílabos. Hendecasílabos? Agora entendo ben o que significa meterse en camisa de once varas! Agora comprendo que dicir sonetos é o mesmo que dicir física cuántica, estar vivo e morto ao mesmo tempo, simultaneamente subir e baixar a escaleira. Que sibilino Óscar García Ramos! Non é un poeta, non, é máis do que iso: un xadrecista poeta!!! E tardei en comprendelo, ou sexa, tardei máis do debido e non tiven xa escapatoria. Cando quixen remexerme xa me tiña atrapado no seu taboleiro de sonetor en posición de xaque mate. É por isto que o que aquí escribo, caro lector, vén sendo unha advertencia. Atención pois con este autor que se nos achega sen sentilo e nos musita case sen querer, cunha súa expresión de tímido atrevemento, algo tan indecente como Trovei pra ti un soneto. Xa non tes nada que facer, xa es o gato metido na caixa. [...]