Un percorrido pola conciencia de sermos mulleres, á espreita dun incerto futuro que nos fende a todas. O noso corpo como compás das traxedias, lugar dos sacrificios, ouvindo antes de tempo o bombardeo que latexa, as mandas na busca da carne fresca que o mundo require como sacrificio. O noso corpo devido en campo de batalla onde cada guerra doe e marca. Nosoutras, as mulleres arquipélago, que di a poeta, gardamos no corpo a memoria «viva» da morte. Pódese dende a poesía traspasar a pel deses corpos con puntadas curtas e firmes que ganduxen o futuro? Pódese, sen dúbida. Beatriz Dourado atravesa o papel coas súas puntadas certeiras. Moe cada palabra para que a memoria que atesouramos verbalice a textura da dor das guerras todas. As que nin quixemos nin ordenamos, mais nos caeron inexorábeis dende o ceo a través das centurias. A memoria dos femixenocidios co aceno na esperanza e na loita. Constante, permanente. Coa voz alzada e a tenrura posta. Luz Darriba