Diego Bará Louro fai o seu debut como autor a través do poemario que tes nas túas mans. É por iso que lle pon o nome de A miña utopía, onde reflicte o mundo que desexa, mostrando que a realidade dista moito de ser a ideal. Neste volume podemos atopar un recompilatorio de poemas de temática social, dende unha ollada intimista, que invitan á reflexión máis alá do que resulta convencional. Con tan só 23 anos fai unha análise da realidade partindo da perspectiva que lle proporcionan os seus valores e ideais. No seu grito de loita podemos ver como o seu escudo se fortalece con esperanza e a súa espada se forxa con palabras. Baixo este conxuro, critica á sociedade e ós piares que a conforman, deixando ver que o cambio é posible se non se cede ante as adversidades. Aínda así manifesta non estar disposto a renunciar a todo aquilo que considera que pode salvar ao pobo da corrupción que se agocha tralo silencio, e faino na súa lingua materna, o galego. [...]