Exótica, misteriosa e, por veces, implacable, a prosa de Andreia Costas non deixa indiferente pola súa forza e atrevemento. É incisiva e mais tamén sutil por momentos e, por riba de todo, traslada a espazos moi persoais que nos convida a descubrir. En Corazón de vaca e outras vísceras, a autora presenta un conxunto de relatos onde inflorescencias de gran porte se compaxinan con gromos de vidas inquietantes ou tristes que nos fan ollar ao chan para comprender a súa furia, como deixados por un inesperado e violento refacho de aire. Este libro que agora nos ofrece Andreia Costas caracterízase pola ausencia de medo; por unha creatividade que consegue contravir a orde preestablecida da ortodoxia das convencións (tamén das literarias). A autora chouta estes límites na procura dun estilo de seu, recoñecible, que a distingue do tumulto. Un selo propio, infrecuente, tamén, nas plumas do universo literario no que se vén presentar.