Arduo foi o camiño para que as mulleres puidésemos libres de estereotipos, coercións e imposturas plasmar aquilo que nos interpela sexa por medio da palabra ou con trazos de cor, na captación fotográfica da luz, apelando á danza, a través do bordado, ao extraer as texturas que contén a pedra ou grazas ao corpo sonoro da música. Mais historicamente tamén creamos obras que tardaron moito en poder desvelarse das máscaras que mantiñan oculta a súa autoría feminina. Non en van, como afirma Virginia Woolf, ao longo da historia ‘Anónimo’ case sempre foi unha muller. Só grazas ao empeño de precursoras coma ela, o invisible tornouse centro, foron enchéndose ocos e abrollaron as fontes co mesmo fecundo murmurio que subxace neste volume onde Inma Doval Porto reúne a catorce literatas-artistas que son á vez artistas-literatas nunha dualidade creativa pouco frecuente. A antóloga magnífica poeta, ensaísta e creadora plástica podería figurar tamén xunto a estas nómades entre a palabra e a imaxe(...)